Benigno Paz (I): “Nunca imaxinei poder vivir da editorial”

As oficinas da editorial Kns instaláronse silenciosa e discretamente nun fermoso edificio da rúa do Sar, ninguén imaxinaría que alí se atopa a que moitos consideran coma a máis prestixiosa editorial de literatura canina do Estado español. Dese mesmo xeito silencioso e discreto foi medrando un proxecto que, inicialmente, tan só pretendía contribuír á difusión da obra dos máis recoñecidos especialistas internacionais. Esta é a primeira entrega dunha entrevista co seu director, Benigno Paz, que se completará cunha segunda parte, na que nos falará da súa experiencia de adestrador de cans guía. ELISEU MERA

Benigno Paz, director de Kns ediciones.

Benigno Paz, director de Kns ediciones.

Pregunta. De onde partiu a idea de crear Kns?

Resposta. Foi polo ano 98. Estaba daquela en Inglaterra e asistín a varios seminarios e cursos nos que falaban do adestramento con clicker, dos sinais de calma, lin libros coma Un cachorro en casa e pensei que, todo ese material, ou se traducía ou nunca chegaría a España. Pregunteilles aos autores se estarían interesados en que os seus libros se traducisen ao castelán e estaban encantados, algún mesmo mo pediu por favor. En principio só pensabamos en divulgar libros que nos parecían interesantes sen máis pretensións.

P. Cales foron os primeiros libros que publicastes?

R. Pois foron Introducción al adiestramiento con el clicker e El lenguaje de los perros. Las señales de calma. O certo é que partiamos de cero. Facer un libro non é difícil, o problema está en vendelo. As primeiras edicións non tiñan nin de lonxe os acabados dos libros que publicamos agora, iamos polas librerías e non semellaban estar interesadas neles. Por sorte puidemos contar coa Internet e empezamos a vendelos,
eu aínda estaba en Inglaterra e facía as xestións a distancia durante catro anos.

P. Daquela a situación da editorial era ben distinta…

R. Imaxina, levamos publicados arredor de sesenta títulos, incluídos libros electrónicos e versións en portugués, nunca pensara en vivir da editorial. Non teño os mesmos ingresos que cando adestraba cans guía en Inglaterra pero dáme outras satisfaccións.

P. Notas que as xente que ten can le máis literatura específica hoxe ca hai dez anos?

R. Noto, claro. Penso que a incorporación da muller ao mundo do adestramento foi un elemento crucial, introduciulle aire fresco. Cómpre ter en conta que en países coma o Reino Unido ou os EEUU o noventa por cento dos adestradores son mulleres, en España andamos polo cincuenta ou un pouco máis, pero supoño que a tendencia tirará a homologarnos con demais. Antes o adestramento estaba moi vencellado co mundo
militar, xerárquico, todo semellaba estar xustificado. Isto cambiou radicalmente, moitas familias comezaron a ter cans coma animais de compañía.

P. Turid Rugaas, Ian Dunbar, Karen Pryor… é casual que os vosos autores de cabeceira sexan firmes defensores do adestramento en positivo?

R. Claro que non, forma parte da filosofía da editorial. Hai outros autores que venden centos de miles de libros pero que non os publicariamos aínda que nos regalasen os dereitos. Intentamos ser coidadosos coa selección dos libros, aínda que poida que nalgún aparezan puntualmente ideas coas que non esteamos de acordo. Consideramos que é o sistema que mellor axuda ao benestar do animal e a que o dono poida entender mellor as súas necesidades.

P. É o adestramento en positivo a panacea? Pode solucionar os problemas de agresividade de calquera can que faga presa en humanos ou noutros cans?

R. Non sei se de calquera, poida que haxa algún caso moi extremo que non se resolva e que se teñan que tomar medidas máis drásticas, pero considero que si é o mellor porque vin traballar xente nese sentido e comprobei que daba resultado. En ningún caso defenderemos ferramentas coma colares electrónicos, de pinchos ou de castigo, penso que poden enmascarar temporalmente un problema pero nunca solucionalo.

P. Que libro lle recomendarías a alguén que vai ter un can?

R. Penso que calquera deles é accesible para calquera persoa que non teña coñecementos previos, igual casos puntuais coma Perros de Coppinger pode requirir algo máis de esforzo. Se alguén vai ter un cachorro, penso que Un cachorro en casa de Ian Dunbar é unha publicación imprescindible.

P. Como debemos pronunciar o nome da editorial?

R. (Ri). Como queira cada un. Pensamos nun nome curto e doado de lembrar. En Inglaterra son habituais fórmulas coma K9 [canine], pero esa non a poderiamos empregar comercialmente. Alguén propuxo que se se dicía moi rapidamente “kns” sairía a palabra “canes”, hai quen di “cans” e tamén me parece ben, o fundamental é que se entenda a orientación.

Advertisements

, , , ,

  1. Deixar un comentario

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s