Recentemente, os parques da nosa cidade apareceron inzados de carteis nos que os responsables do Concello nos recordan as nosas obrigas como propietarios de cans e nos suxiren modelos de actuación para non sermos sancionados, porque, en palabras textuais, “evitar as sancións é cumprir co teu compromiso coa sociedade”. A campaña, denominada Convivencia Guauuuu! , xira en torno a tres eixos: a identificación de animais mediante microchip, a recollida de excrementos e a obrigatoriedade do uso da correa fóra de certos espazos.
O Club de Cans de Familia Só lles falta falar vén, desde o seu nacemento, impulsando unha cultura canina baseada na educación e no respecto aos demais. Tódalas nosas actividades aséntanse sobre a base do fomento da tenza responsable de mascotas, e “tenza responsable” significa, entre outras moitas cousas, coñecer os límites da propia liberdade e respectar as normas que existen para garantir a convivencia harmónica dos cidadáns. Sen embargo, as pautas de convivencia que nos propoñen os nosos administradores non se axustan en tódolos casos aos principios rectores da nosa filosofía. Só lles falta falar considera que outra forma de entender a coexistencia de cans e persoas nas nosas cidades é posible.
Nada que obxectar a calquera campaña que busque concienciar da necesidade de identificar as mascotas mediante microchip. O censo dos animais de compañía é unha medida que resulta de grande axuda na prevención do abandono e na recuperación de cans extraviados ou roubados, ao tempo que facilita a depuración de responsabilidades nos casos de maltrato ou de incumprimento da legalidade en calquera das súas manifestacións. Por este motivo, Só lles falta falar, no seu compromiso coa realidade social, esixe aos seus socios a documentación que acredite que a súa mascota está oficialmente rexistrada nos organismos correspondentes e non admitirá en ningún caso a ninguén que, de xeito deliberado, se declare insubmiso con respecto a esta obriga administrativa.
Apoiamos tamén tódalas actuacións que se poidan artellar para acadar a xeneralización da recollida dos excrementos dos cans por parte dos propietarios. De feito, o desenvolvemento dunha liña de actuación sistemática e ben organizada nesta dirección é unha vella pretensión que se remonta ás orixes do club, nas que mesmo se considerou a posibilidade de crear unha comisión de traballo coa finalidade de deseñar unha campaña de concienciación social. O das deposicións nas rúas e os xardíns é un problema moi serio, non só por cuestións de salubridade ou de imaxe da cidade, senón tamén polo feito de que determina o xeito en que a sociedade nos percibe como colectivo aos que compartimos a nosa vida cunha mascota. Lograr que todo o mundo cumpra coa súa responsabilidade cívica supón un paso de suma importancia no noso camiño cara a normalización da presenza dos cans nos espazos públicos.
Outra cousa moi distinta é a cuestión da obrigatoriedade do uso da correa e o establecemento de áreas específicas de lecer nas que os cans poidan estar soltos. Este tipo de medidas responden a unha concepción (moi estendida, por outra parte) segundo a cal a única maneira posible de que os cans existan na sociedade é restrinxir a súa capacidade de acción a áreas illadas, permitindo só a súa presenza en outros ámbitos se se exerce sobre eles un estrito control físico. A esta visión subxace a interpretación do can coma unha potencial fonte de problemas que, como tal, debe manterse apartada para que non repercuta negativamente no devir social.
Fernando Castro
Enlaces ás outras partes do artigo: